Sunday 28 de April de 2024

A Deputación da Coruña defende a promoción do galego na infancia coa colaboración con Correlingua


A deputada María Muíño apoia a urxencia de desenvolver accións para recuperar falantes en galego

Apoiar e promover o uso do galego na xente máis nova, apoiar iniciativas que animen a usar a nosa lingua en nenas e nenos e contribuír á eliminación da ruptura xeracional son algúns dos obxectivos da Deputación da Coruña con respecto á normalización da lingua galega que se plasman en distintas liñas de actuación como o apoio ao Correlingua que hoxe se selou na sede institucional.

A deputada responsábel da área de Lingua, María Muíño, e o presidente de Correlingua, Anxo Terán, asinaron este martes na Deputación da Coruña o convenio de colaboración polo que a institución compromete o seu apoio ás carreiras polo idioma que cada ano se desenvolven en todo o país e, concretamente, nos concellos da Coruña, Santiago de Compostela e Narón que foron as celebradas na pasada edición dentro do territorio da provincia da Coruña.

Con este obxectivo, a Deputación da Coruña destina un total de 20.000 € para apoiar a organización de actividades que se desenvolven arredor das carreiras encamiñadas á normalización lingüística.

“Desde a Deputación da Coruña apoiamos iniciativas que, como o Correlingua, contribúen a defender o dereito de medrar en galego, a animar as novas xeracións ao uso da nosa lingua e a mostrar de maneira enérxica a sorte de contar cunha lingua propia que “, explicou a deputada María Muíño que urxiu a necesidade de que todas as institucións se comprometan de maneira decidida á hora de atallar “a alarmante diminución do uso do galego na infancia”.

Ademais das carreiras pola lingua, o proxecto de Correlingua inclúe a organización de concursos escolares, concursos musicais e difusión con distintos soportes da animación a usar a nosa lingua.